Friday 03 de May de 2024

A Xunta colabora coa Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina para levar a cabo un proxecto destinado a garantir o dereito á educación na Franxa de Gaza


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora da Asociación executiva do Comité Español da UNRWA, Raquel Martí asinaron hoxe o convenio de colaboración

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a directora da Asociación do Comité Español da UNRWA, Raquel Martí asinaron hoxe o convenio para levar a cabo un proxecto destinado a garantir o dereito á educación na Franxa de Gaza fronte á crise humanitaria agravada pola covid-19. O proxecto conta cun orzamento de 30.000 euros.

Segundo indicou Jesús Gamallo, o obxecto deste convenio é contribuír a través de UNRWA España a paliar as consecuencias a actual pandemia de coronavirus no ámbito educativo na Franxa de Gaza, centrándose en contribuír a un programa de educación desenvolto pola entidade, que ten como obxectivo asegurar que os nenos e nenas refuxiadas de Palestina teñan garantido o acceso a unha educación primaria de calidade, fronte á ameaza do COVID-19, aumentando a capacidade do sistema educativo para ofrecer servizos. O programa articúlase a través das 278 escolas que ten UNRWA en Gaza e a contribución da Xunta irá destinada a cubrir os salarios de 7 docentes durante tres meses na escola elemental ‘Beach’ na Franxa de Gaza.

O importe das achegas da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria executados pola Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UMRWA España), no período 2010-2021 ascende a 473.975 €.

No ano 2010, o Goberno galego asinou un Memorando de entendemento para levar a cabo proxectos de cooperación e axuda humanitaria para contribuír a mellorar as condicións de vida dos refuxiados palestinos. En concreto, desenvolveuse un plan operativo en apoio ao programa de seguridade alimentaria de nenos e nenas na Franxa de Gaza que obtivo moi bos resultados; No ano 2011 asinouse outro convenio para apoiar o programa de “compensación alimentaria escolar da UNRWA en Gaza”, programa que foi novamente apoiado coa sinatura de dous novos convenios nos anos 2012 e 2013.

No ano 2014, asinouse primeiramente un convenio para dar continuidade ao apoio ao programa de compensación alimentaria familiar e posteriormente, un segundo convenio por mor do empeoramento da situación en Gaza, despois da operación Protective edge, para brindar apoio psicosocial ás vítimas.

Entre os anos 2015 e 2018 continuouse co apoio ao programa de compensación alimentaria familiar na franxa de Gaza cunha provisión de cestas familiares para unhas 180 familias cada ano, a través da sinatura de convenios de colaboración por importe de 20.000 € cada ano.

Cabe destacar, pola novidade que representou a nivel da cooperación española descentralizada, o convenio asinado no ano 2019 coa UNRWA España para a prevención da violencia de xénero a través de iniciativas de protección impulsadas polas comunidades de persoas refuxiadas de Palestina no Líbano, dotado cun importe de 130.000 €, procedentes da cota galega do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que foron aportados pola Secretaría Xeral de Igualdade.

No 2020, volvéronse a asinar dous convenios con esta entidade, un de 30.000 € para facer fronte ás necesidades de saúde derivadas do COVID-19 na Franxa de Gaza; e outro, novamente no marco do PEVG de 84.000 € para a mellora da protección e a atención integral no tratamento de casos de violencia machista e sensibilizando á comunidade sobre a realidade das mulleres sobreviventes refuxiadas de Palestina nos campos da Franxa de Gaza.

A nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, recolle a acción humanitaria e a axuda de emerxencia entre as súas modalidades de axuda. Ademais, no IV Plan Director 2018-2021, recoñécese a acción humanitaria coma prioridade sectorial e como prioridade transversal a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados, entre outros. Así mesmo, no Plan Anual 2021 tamén se recolle a sinatura deste convenio.